Monday 13 de May de 2024

Os seis xeodestinos turísticos da provincia da Coruña mantiveron un encontro co delegado territorial da Coruña


Os representantes trataron asuntos como o decreto das vivendas de uso turístico, as liñas de financiamento ou o programa de trens singulares de Renfe e a Xunta

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, convocou aos representantes dos seis xeodestinos turísticos da provincia da Coruña co obxecto de tratar diversos temas de relevancia relacionados con estas entidades. A esta xuntanza estaban convidados os xeodestinos de Ferrolterra, As Mariñas, Muros-Noia, Costa da Morte e Arousa Norte. Tamén foron convidados os representantes de Terras de Santiago e Deza Tabeirós. A Xunta investiu, a través de Turismo de Galicia, 275.000 euros.

Os xeodestinos turísticos son áreas ou espazos xeográficos limítrofes que comparten unha homoxeneidade territorial baseada nos seus recursos turísticos naturais, patrimoniais e culturais, con capacidade para xerar fluxos turísticos e que, xunto á súa poboación, conforman unha identidade turística diferenciada e singular. Cada un deles réxese por un convenio específico. Os xeodestinos teñen unha especial relevancia nas accións de promoción turística da Administración autonómica. Poden ser utilizados tanto por entidades públicas como privadas, sempre dentro da marca turística global Galicia e sen que poidan empregarse como nome comercial.

Na toma de contacto os representantes dos xeodestinos trataron asuntos como o decreto das vivendas de uso turístico, as liñas de financiamento ás que poden acceder as entidades ou a programación de trens turísticos que Renfe e a Xunta de Galicia puxeron en marcha a pasada fin de semana. Tamén os representantes do Goberno galego presentes na xuntanza adiantaron información sobre a liña de investimentos no plan de sinalización do Camiño de Santiago na provincia coruñesa

O delegado territorial sinalou que “dende a Xunta de Galicia cremos que temos que explorar todas as ferramentas que nos permitan posicionarnos no mercado turístico nacional e internacional, e que é importante sumar os recursos singulares de cada concello nunha oferta conxunta de ámbito supramunicipal identificable para os operadores e para as persoas que nos visiten”. Rodeiro incidiu nas vantaxes deste modelo, capaz de brindar unha oferta que permita incrementar a estancia media dos visitantes e beneficiarse da colaboración e apoio que Turismo de Galicia presta aos xeodestinos.

Ovidio Rodeiro aproveitou a ocasión para informar aos representantes dos xeodestinos turísticos das axudas xa concedidas para contratar persoal nas oficinas de turismo, entre municipios turísticos e xeodestinos. Turismo de Galicia puxo en marcha estas subvencións que na convocatoria deste ano presentaba como novidade a posibilidade de que, ademais dos concellos declarados municipios turísticos, puidesen optar a estas axudas os 18 xeodestinos e subxeodestinos de Galicia.

Grazas a estas axudas, que na provincia da Coruña suman 65.000 euros, garantirase o mantemento da calidade no servizo de información turística que se presta, de xeito que se potencie a imaxe tanto dos municipios de interese turístico como de toda a Comunidade Autónoma no ámbito nacional e internacional.

O persoal que se contratará nestas oficinas deberá estar cualificado, en posesión de títulos de información e comercialización turística ou técnico superior en guía; información e asistencia turística; técnico en empresas e actividades turísticas; grao en turismo ou equivalente homologado, ou habilitación de guía de turismo.